A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou aos concellos galegos de menos de 3.000 habitantes a solicitar unha axuda para a adquisición dun punto limpo móbil. O Diario Oficial de Galicia publicou a Orde pola que se convocan estas subvencións e cuxas solicitudes se poden presentar ata o vindeiro 15 de agosto, un mes despois tras a súa publicación no DOG.
Os puntos limpos serven para a recepción e clasificación de residuos de orixe doméstica, como paso previo a súa xestión, entre os que se inclúen aceites vexetais usados, téxtiles, voluminosos ou elementos eléctricos e electrónicos.
Polo tanto, o obxectivo da nova liña de axudas é mellorar e ampliar a xestión de residuos especiais de competencia municipal, co fin de favorecer a súa axeitada recollida, clasificación e preparación para a reutilización. De xeito paralelo, tamén se evita a proliferación de puntos de vertido incontrolado nas contornas e espazos naturais.