Medio Ambiente aproba o PXOM de Ares

Cedida.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou este mércores a orde de aprobación definitiva do PXOM de Ares, un documento que marcará a evolución urbanística deste concello durante os próximos 16 anos e que outorga seguridade xurídica ao municipio, ao substituír as normas subsidiarias de planeamento municipal de 1978 por un plan moderno e actualizado.

Coa aprobación do novo PXOM de Ares son xa 106 os concellos galegos que contan cun planeamento adaptado e acorde ao marco urbanístico vixente na comunidade. Vázquez Mejuto subliñou que con esta sinatura ponse fin a 15 anos de intenso traballo durante os que os redactores do plan tiveron que estudar ao detalle os 18,3 quilómetros cadrados que abrangue o municipio.

Entre os principais obxectivos do novo marco urbanístico aresán, a conselleira fixo fincapé no impulso do desenvolvemento urbanístico equilibrado e sostible dun concello que conta cun evidente patrimonio natural e medioambiental.

Concretamente, salientou que o novo PXOM contribuirá a completar a ordenación das áreas urbanas existentes, delimitando tres ámbitos de solo urbano consolidado e seis de non consolidado, así como a mellorar as dotacións públicas, desde o equipamento, ata a rede viaria e os aparcadoiros públicos na zona residencial e de praias, pasando polas zonas verdes. Neste sentido, no novo planeamento prevense un total de 293.654 metros cadrados reservados para espazos libres e verdes, e outros 212.000 metros para o sistema xeral de equipamento comunitario, cinco veces máis do mínimo esixido por lei.

Por outra banda, a conselleira tamén resaltou a aposta que se fai no PXOM pola posta en valor da infraestrutura portuaria aresán, un elemento clave para o concello pola súa función dinamizadora dos sectores pesqueiro e turístico. Ademais, tamén se fixa como obxectivo recoñecer e fomentar os núcleos tradicionais, potenciando o seu desenvolvemento e crecemento, sempre desde un punto de vista racional, pola vía da rehabilitación.

En canto ao solo urbanizable, o plan propón, por un lado, a creación dun ámbito destinado a usos industriais-terciarios, lindeiro co xa previsto no concello veciño de Mugardos, e por outro, unha zona de uso residencial pegada ao solo urbano de Ares, un municipio de 5.700 habitantes pero cuxa poboación supera as 9.0000 persoas durante o verán. A este respecto, a capacidade residencial prevista no PXOM é dun máximo de 1.921 novas vivendas.

Por outra banda, o novo PXOM tamén prevé o desenvolvemento de nove plans especiais e a preservación do solo rústico fronte ao desenvolvemento urbanístico, recoñecendo explicitamente a súa especial protección na liña establecida e marcada pola propia Lei do Solo de Galicia.