Medio Ambiente avanza cos alcaldes do Xurés no futuro Plan de Xestión do Parque


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda retomou a rolda de contactos iniciada no mes de xaneiro co fin de darlle un pulo definitivo á redacción do futuro Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, un documento que marcará as pautas a seguir para orientar o desenvolvemento económico, turístico e medioambiental deste espazo.

Con este obxectivo, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, convocou este venres aos alcaldes de Lobios, Lobeira, Muiños, Bande, Entrimo e Calvos de Randín para trasladarlles os últimos avances realizados sobre o documento básico de partida e recadar a súa opinión ao respecto, así como datos e información de interese dos seus respectivos concellos que poidan ser de utilidade na elaboración do PRUX.

As reunións producíronse de forma bilateral co obxectivo de revisar a proposta inicial de zonificación en cada un dos concellos directamente cos rexedores.

O obxectivo final é que o Plan Reitor de Uso e Xestión estea redactado este mesmo ano e poida ser aprobado a finais de 2021 ou comezos do seguinte exercicio, tal e como anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, na súa última visita ao Xurés.