Os orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o próximo ano reservarán unha partida de 700.000 euros para iniciar a construción de 24 novas vivendas de protección pública (VPP) no SUNP-13, concretamente na parcela localizada na estrada da Estrada. Así llo comunicou a conselleira Ángeles Vázquez ao rexedor de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, con quen mantivo unha reunión este mércores para abordar diversos asuntos de interese municipal nos que o Concello aspira a contar coa colaboración do departamento autonómico.
Así, ambos mandatarios afondaron na situación da cidade en materia residencial e, máis concretamente, no que respecta á necesidade de ampliar o actual parque de vivendas protexidas. Con este fin, e a maiores destas 24 novas VPP con orzamento comprometido xa para 2020, ambas administracións colaborarán para axilizar o máximo posible os trámites necesarios para a construción doutras 36 vivendas de protección pública no chamado SUNP-12, que abrangue Lamas de Abade e O Castiñeiriño.
Así mesmo, a conselleira e o alcalde tamén acordaron traballar xuntos co fin de desbloquear a situación do proxecto construtivo de Xoán XXIII e lograr destinar esta parcela –propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo- á execución de novas vivendas protexidas. O obxectivo, segundo explicaron, é dotar á cidade dun mínimo de 60 novas VPP nos próximos anos, coa intención de que o SUNP-12 poida contar con proxectos de execución e orzamento comprometido xa no ano 2021.