A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) estudarán a posibilidade de establecer futuras liñas de colaboración entre ambos organismos en materia de xestión de residuos, fomento do emprego entre este colectivo e mellora da accesibilidade no eido residencial.
A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse con membros da xunta directiva de Cogami, que puxeron a disposición do departamento autonómico a ampla experiencia que acredita esta entidade no sector medioambiental a través de distintas iniciativas de economía social. Neste sentido, lembraron que Coregal, o primeiro centro especial de emprego que puxeron en marcha en Galicia, exerce como empresa xestora de residuos e participa na súa xestión desde todos os puntos da cadea.
Así mesmo, ambas partes coincidiron durante a xuntanza na necesidade de seguir traballando a prol da eliminación de barreiras e a integración plena do colectivo das persoas con discapacidade, aspectos polos que vela a Comisión Técnica de Accesibilidade da Xunta de Galicia e na que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), como lembrou a conselleira, pode facer as súas propias achegas.
Neste sentido, Vázquez Mejuto ofreceulles aos responsables de Cogami a total colaboración do IGVS para canalizar as propostas que poidan ter co fin de mellorar a accesibilidade no eido da vivenda e ter en conta as súas opinións ao respecto.
Precisamente, o centro de atención de Cogami na cidade de Vigo está localizado nun local arrendado ao IGVS, nos baixos dunhas vivendas de promoción pública localizadas na rúa Teixugueiras, en San Paio de Navia.