A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, asinaron un convenio de colaboración para aproveitar e unir sinerxías e definir estratexias preventivas e de planificación, para anticiparse aos lumes forestais, xa que os montes galegos “son unha reserva indiscutible de carbono necesaria para mitigar os efectos do cambio climático”, precisou Ángeles Vázquez.
Este convenio porá a disposición deste obxectivo común o Sistema de información Xeográfica, o que permite almacenar, analizar e modelizar grandes cantidades de datos e poder delimitar as distintas redes de faixas de xestión da biomasa. Trátase dunha colaboración que se manterá os vindeiros catro anos, polo que o Goberno galego destinará máis de 140.000 euros para o desenvolvemento das actuacións previstas.