Medio Ambiente establece de prazo ata o 31 de xullo para limpar os terreos próximos ás vivendas

1 minutes read
  • Esta actividade de prevención e loita contra os incendios forestais entra dentro das que se consideran esenciais neste estado de alarma

Os titulares das parcelas incluídas na rede secundaria de faixas de xestión da biomasa e as persoas propietarias dos correspondentes dereitos de aproveitamento, deberán retirar a biomasa vexetal e cortar as especies arbóreas que están prohibidas antes do 31 de xullo.

O prazo para finalizar estas tarefas será o resultado de sumar os días transcorridos de confinamento até a data en que se publique a resolución correspondente desde a Consellería de Medio Rural desde o 30 de maio, que era a data tope habitual. En todo caso, os traballos de limpeza terán que executarse antes de que acabe o mes de xullo.

Desde a Concellería de Medio Ambiente,lembran que esta actividade de prevención e loita contra os incendios forestais entra dentro das que se consideran esenciais neste estado de alarma.

Están consideradas da rede secundaria de faixas as franxas que están a 50 metros perimetrais de solo urbano e que son de núcleo rural e urbanizable e as que se atopan a esta mesma distancia de edificacións e vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais. Por último, tamén se recollen dentro desta categoría os terreos que se encontran nun perímetro de 50 metros de construcións illadas en solo rústico.