Medio Ambiente colabora cos Plans de acción para o clima

2 minutes read

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de integrar o contido e actualización proposto por Europa para elaborar os Plans de acción para o clima (PACES). Así, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático actualizou o contido da páxina web oficial do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía, na que se pode consultar dito documento.

Grazas a esta actualización facilítase e actualízase o reporte e traslado de información e datos necesarios para a elaboración dun PACES, que consiste nun inventario de referencia de emisións (IRE), unha avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático elaborados desde o ámbito municipal, para planificar e adoptar medidas que apoien e mitiguen a loita contra o cambio climático desde a perspectiva local.

Asemade, estes cambios tamén se trasladan a través do equipo técnico do Pacto das Alcaldías, que facilita formación a través de reunións de asesoramento presenciais e telemáticas con concellos e as entidades redactoras dos PACES. Na actualidade, este equipo técnico xa realizou un total de 200 visitas presenciais e preto de 70 reunións telemáticas con alcaldes, técnicos de medio ambiente e axentes de desenvolvemento local para asesoralas e axudalos neste cometido. Nestes encontros serven para explicar os pasos necesarios para completar o PACES e para facilitar o acceso as ferramentas de cálculo de emisións deseñadas especificamente para os concellos galegos.

Esta formación presencial tamén se completou, nos últimos meses, coa celebración dunha decena de #WebinarsPACES, os cales estaban dirixidos principalmente aos concellos adheridos ao Pacto e nos que houbo representación de medio centenar de concellos. Ao mesmo tempo, tamén se celebrou un seminario dirixido a empresas que colaboran cos concellos na elaboración dos PACES.

Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia que poñer en valor o papel das entidades locais na resposta ao cambio climático, xa que os concellos avanzan no camiño de integrar á loita contra o cambio climático como unha das variables que deben ter presente na definición das súas políticas, tanto para reducir os gases de efecto invernadoiro e mellorar a eficiencia enerxética, como para adaptarse ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o planeta.