Medio Ambiente premiará aos concellos que incrementen as súas taxas de reciclaxe

1 minutes read

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou esta na Estrada a campaña Únete ao reto, impulsada en colaboración con Ecoembes co fin de fomentar a reciclaxe de envases lixeiros nun total de 15 concellos galegos pola vía da concienciación social e mediante a programación ao longo de tres meses de diversas accións de impacto na rúa.

Trátase da segunda edición desta iniciativa, que quedou en suspenso por mor da declaración do estado de alarma pola crise da Covid-19 e o confinamento domiciliario, e que ten como obxectivo conseguir e incentivar aos concellos participantes para que melloren polo menos nun 10% a porcentaxe das achegas que fixeron ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e bricks) durante o mesmo período do ano anterior. No acto de relanzamento da segunda edición da campaña, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez Castellanos, explicou que aqueles municipios que o logren, recibirán como recompensa 2.000 euros, cantidade que poderán destinar a unha causa social da súa elección, polo que é importante axitar a conciencia social dos galegos para acadar un beneficio cunha dobre vertente.

A iniciativa comezou este mes e prolongarase ata o vindeiro 30 de abril nun total de 15 concellos participantes. Concretamente, Únete ao reto chegará nesta segunda edición aos municipios de Ourense, Ferrol, Arteixo, Carballo, Ribeira, Ponteareas, Lalín, O Porriño, Boiro, Teo, A Estrada, Sanxenxo, Tui, Viveiro e Cambados, que suman en total unha poboación de preto de 450.000 habitantes.