Medio Ambiente realiza unha solta de 100 troitas no Coto de Verdes

Foto.- Cedida.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo alcalde de Coristanco, Juan García, participou este luns nunha solta de 100 troitas no Coto de Verdes, co triplo obxectivo de preservar o ecosistema fluvial do río Anllóns, conservar esta especie piscícola pola vía da repoboación e favorecer o mantemento da práctica da pesca deportiva na zona.

Durante a súa visita, a responsable autonómica lembrou que este espazo natural está catalogado como Zona de especial conservación dentro da Rede Natura 2000 e é un lugar moi frecuentado polos afeccionados á pesca deportiva, así como por turistas e visitantes que acoden atraídos pola súa beleza natural e paisaxística.

Con este tipo de accións, como subliñou a conselleira durante a súa visita a Coristanco, foméntase o coidado dos ríos e favorécese unha actividade con tanta tradición en Galicia como a pesca, dous obxectivos que guiaron ao Goberno galego na elaboración da futura Lei de pesca continental, un texto normativo cuxa tramitación quedou suspendida pola convocatoria electoral e co que se busca apostar por un modelo de pesca sustentable capaz de xerar emprego e riqueza e que á vez garanta a necesaria remuda xeracional do sector.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo alcalde de Coristanco, Juan García Velo, no momento da solta de troitas no Coto de Verdes en Coristanco. Foto.- Cedida.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha