A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convocará nas próximas semanas unha orde de subvencións dotada dun orzamento de 1,7 millóns de euros para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugamento social.
Así o avanzou a conselleira Ángeles Vázquez durante unha visita ao Concello de Bande, un dos municipios que se beneficiaron nos últimos anos das axudas do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) destinadas a facilitar e fomentar a nivel local este tipo de intervencións en materia residencial.
Concretamente, explicou que o seu departamento destinou preto de 200.000 euros a colaborar neste municipio na rehabilitación de seis inmobles unifamiliares e propiedade do Concello. Grazas a estes fondos, tal e como indicou a conselleira, o Goberno local puido completar a restauración destas antigas vivendas de mestres, compostas de dúas plantas, construídas en medianeira e moi ben situadas, cerca dos centros educativos do municipio.