A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, adiantou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo está a ultimar o documento que está chamado a ser “o Pacto Social pola Vivenda” e que recollerá dez novas medidas que guiará a acción do Goberno nos vindeiros cinco anos para facilitar un fogar sostible e respectuoso co medio ambiente aos galegos. Indicou que se trata dun primeiro documento, “non pechado e aberto a cambios”; coa finalidade de que os actores implicados, cidadanía e sector, poidan facer as súas achegas e “conseguir unha estratexia consensuada, realista e, o máis importante, efectiva”. Isto significa que se aposta polo diálogo social escoitando as necesidades das familias e das empresas.
En palabras da conselleira, a proposta que está a ultimar o IGVS para o período 2021-2025 é un documento no que se abordou o acceso á vivenda desde todos os puntos de vista, unha proposta de folla de ruta que conta con medidas novidosas e que tamén suma ás que xa están en marcha e recollendo éxitos, como o programa de rehabilitación de vivendas de mestres, grazas ás case 50 medidas se investiran uns 300 millóns de euros para axudar a 40.000 fogares galegos.
As medidas que se porán en marcha, previa consulta e consenso cos implicados, apostan principalmente polo alugueiro, a rehabilitación de vivendas e loita contra a exclusión residencial. Nese sentido, impulsarse o acceso dos colectivos máis desfavorecidos, activando unha nova liña de axuda á compra de vivendas protexidas de ata 20.000 euros para familias con ingresos inferiores a 4,5 veces o Iprem, que poderán ser de nova construción ou unha rehabilitación. Tamén se quere poñer en marcha un novo programa de alugueiro con opción a compra destinado a menores de 35 anos, co obxectivo de facilitar a emancipación dos mozos, permitindo que orienten a súa vida laboral antes de tomar a decisión de adquirir unha vivenda.
Para fomentar o alugueiro daquelas vivendas baleiras, estableceranse novos incentivos aos propietarios, con axudas de ata 6.000 euros a cambio da cesión en réxime de usufruto e xestión do alugueiro por parte do IGVS.