Medio millón de euros para a ampliación do CEIP Otero Pedrayo da Laracha

Imaxe dunha visita da conselleira de Educación ao CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha_ Foto_Arquivo.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, anunciou este luns que o seu departamento vai licitar no primeiro semestre deste ano a segunda fase das obras de ampliación do CEIP Ramón Otero Pedrayo, na Laracha. Cun investimento de medio millón de euros, esta actuación completará a realizada no 2015 para dotar o centro de novas aulas.

O novo edificio contará con 3 aulas de infantil con aseos incorporados e cunha superficie total construída de 300 m². O módulo terá acceso desde o edificio construído na ampliación de 2015 a través dunha galería de paso con paramentos acristalados e máis cun espazo exterior de xogos cuberto. Ademais, contará con calefacción por chan radiante e con sistema de luminarias led de alta eficiencia enerxética. O prazo de execución da obra será de 6 meses pero, ao tratarse dun volume independente, poderá executarse durante o curso escolar sen trastorno para a comunidade educativa.

Coa construción deste novo edificio a totalidade do alumnado de Infantil do centro contará cuns espazos máis confortables, accesibles e adaptados a este nivel de ensinanzas.

Na súa visita ao centro a conselleira estivo acompañada polo alcalde da Laracha, José Manuel López Varela e polo xefe territorial da Consellería na Coruña, Indalecio Cabana.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, no CEIP Ramón Otero Pedrayo

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, no CEIP Ramón Otero Pedrayo, onde está previsto realizar a segunda fase de ampliación