Medio Rural amosa ao sector forestal as súas ferramentas de última xeración para loitar contra o lume

2 minutes read

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, reuniuse con responsables da empresa do sector forestal Finsa para amosarlles o funcionamento da ferramenta informática XeoCode Lite e o sistema de videovixilancia dos montes galegos, ambos instrumentos desenvolvidos pola Consellería do Medio Rural xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega.

Na xuntanza, que tivo lugar este martes no Centro de Coordinación Central de defensa contra os incendios forestais, na sede da propia Dirección Xeral, Manuel Francisco e técnicos do seu departamento explicaron aos representantes desta empresa as características do XeoCode Lite, unha solución coa que o persoal do servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta (SPIF) pode monitorizar, a través dos seus dispositivos móbiles, a información operativa relacionada cos lumes.

Así, estes profesionais están en condicións de consultar datos como o punto onde se orixinou incendio, a súa evolución, os recursos asignados, puntos de subministración de auga, infraestruturas de defensa, cartografía vectorial actualizada ou fotografías referenciadas. Ademais, o XeoCode Lite dispón dun sistema de datos de predición meteorolóxica e aporta tamén outra información como as descargas de auga realizadas polos medios aéreos.

En relación co sistema de videovilixancia dos montes, cómpre lembrar que a finais do pasado ano Medio Rural, a Amtega e Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal) asinaron un convenio para a ampliación, operación e xestión desta rede, un acordo que suporá o investimento de máis de 2,2 millóns de euros ata 2027, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027.

Esta colaboración permitirá reforzar esta rede de videovixilancia para chegar ata un total de 237 cámaras en 109 puntos distribuídos por todo o territorio galego. A principal novidade é que se instalarán 56 dispositivos en 19 bases aéreas e centros de titularidade pública xestionados pola Dirección Xeral de Defensa do Monte, entre as que se atopan espazos como o Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén, a base de Botos de Lalín ou a nova base de unidades operativas de Rianxo.