Medio Rural analiza en Tordoia a posibilidade de levar a cabo novos proxectos de mobilización de terras

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse co alcalde do concello de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro, para analizar a situación actual das infraestruturas rurais deste municipio e coñecer de primeira man as demandas e necesidades dos veciños relacionadas co agro. Neste sentido, ambos dirixentes analizaron a posibilidade de emprender novos proxectos de mobilización de terras co fin de dotar ás explotacións agrogandeiras da zona de terreos para traballar. Na xuntanza tamén estivo presente o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois.

Durante o encontro, o conselleiro trasladoulle que coa futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que se presentará no Parlamento este ano, haberá novos instrumentos para mobilizar terreos que serán áxiles e rápidos como poden ser os polígonos agrarios e a xestión conxunta.

Así, José González salientou que entre os obxectivos da nova lei están os de promover a recuperación produtiva das terras, loitar contra o seu abandono e facilitar a ordenación dos predios, mediante a súa identificación cartográfica e o control dos seus usos.

O titular de Medio Rural explicou tamén que esa mobilización permitirá mellorar a base territorial das explotacións e o mantemento da poboación vencellada á actividade agrogandeira.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha