Medio Rural anunciou en Mazaricos que pagará en decembro a maior parte das axudas directas da PAC

Así o anunciou este venres a titular deste departamento, María José Gómez, nunha visita á cooperativa Ganxabar, en Mazaricos, na que destacou que este pago completará o anticipo desta semana de 44 millóns de euros, correspondentes a vacún de leite e carne.  

A maiores da folla de ruta habitual, este ano adiantarase a axuda asociada a ovino-cabrún e reforzaranse os pagos de Zonas con Limitacións Naturais, que son moito máis superiores que en anteriores exercicios. Neste sentido, con este adianto e co pago que se fará a finais de ano, procúrase dotar de maior liquidez aos agricultores e gandeiros galegos, que se viron especialmente afectados pola vaga de incendios forestais do verán.

Asemade, a titular de Medio Rural incidiu no rexeitamento á proposta da Unión Europea para a vindeira PAC a partir de 2028. Reafirmou que Executivo galego reclamará de novo, tanto ao Goberno central como á UE, unha PAC ben dotada, con financiamento suficiente e fondos específicos e diferenciados que permitan apoiar a renda dos agricultores e gandeiros, o desenvolvemento rural e a remuda xeracional.

Durante o seu percorrido polas instalacións de Ganxabar, a conselleira estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; e pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Belén do Campo, e puxo de relevo a importancia do cooperativismo na nosa comunidade. Destacou que entidades como Ganxabar contribúen á continua modernización do sector agrario galego, á súa adaptación ao mercado e á incorporación de novas tecnoloxías.

Related posts

O Teatro Colón da Coruña acollerá en novembro a segunda edición de ‘Músicas posíbeis’

MercaNaVila superou as 30.000 descargas nas primeiras 72 horas da campaña

A Xunta coñece en Val do Dubra o programa formativo terapéutico no que colabora o Proxecto Home