O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, reuniuse co alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, e co segundo tenente de alcalde, Constantino Fernández, para coñecer as necesidades e demandas da localidade en relación co eido rural.
Na xuntanza abordáronse diferentes temas de interese para o rural do municipio, especialmente no que atinxe á posta en valor do territorio a través dos diferentes instrumentos que facilita a vixente Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.
Así, avaliouse a posibilidade de implementar un polígono agroforestal nesta localidade e o conselleiro comprometeuse a organizar unha charla para os veciños deste concello sobre agrupacións de xestión conxunta e polígonos forestais.
Tamén, en materia de recuperación da terra, proximamente se entregarán os títulos da concentración parcelaria de Cores-Nemeño, que suporá a reorganización de 2.658 parcelas e beneficiará a 546 propietarios.
Por último, no encontro tamén se exploraron diferentes vías de cooperación en relación coa mellora de infraestruturas rurais, como son Plans de Infraestruturas Rurais (PIR), orientados ao acondicionamento de espazos rurais co fin de favorecer a mobilidade e os traballos propios do campo.