Medio Rural creará un Centro integral para a loita contra o lume

1 minutes read

Así o sinalou o conselleiro do Medio Rural, José González, que avanzou unha partida de 15 M€ do proxecto de orzamentos de 2021 nunha visita á base de helicópteros antiincendios de Toén, onde supervisou -acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén- o novo punto de auga para a carga de medios aéreos. O conselleiro destacou que este Centro integral para a loita contra o lume se instalará onde agora se atopa o antigo hospital de Toén, en Ourense, por ser esta provincia a máis afectada polos incendios. Cualificándoo como un motor económico da Galicia interior e un proxecto pioneiro en Europa, engadiu que terá por obxectivo centralizar nun mesmo punto a formación do persoal dedicado á loita contra os lumes forestais. Así, será un centro permanente para a cooperación, a investigación e a formación continua do que poderán beneficiarse bombeiros forestais procedentes de toda Europa e no que se contará cos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios.