Medio Rural estudará a viabilidade de máis parcelaria en Touro e Boqueixón

Cedida.

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, mantivo unha xuntanza de traballo cos alcaldes dos concellos de Touro, Ignacio Codesido, e de Boqueixón, Manuel Fernández, para analizar a situación actual dos procesos de reestruturación parcelaria nestes dous municipios coruñeses.

Así, o director xeral comprometeuse a estudar a viabilidade de novos procesos que teñen importancia para o desenvolvemento agrícola, gandeiro e forestal destes concellos e lembrou que a Xunta destina máis de 10 millóns de euros no 2020 para seguir traballando nos procesos abertos a día de hoxe en Galicia.

Neste senso, o concello de Boqueixón solicitou unha nova zona de reestruturación nas parroquias de Sergude, Lamas, Vigo e Loureda, que afectaría a unha superficie de 1.941 hectáreas. Con respecto á solicitude do concello de Touro, a reorganización do territorio incluiría unha superficie de 1.034 hectáreas das parroquias de Fao e Novefontes.

Nesta liña, Pérez Dubois lembroulles que as parcelarias permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os custos de produción das mesmas. Por iso, engadiu, as novas reestruturación parcelarias teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.