Medio Rural inviste preto de 2 M€ en adquirir 120 vehículos novos

A Consellería do Medio Rural vén de investir preto de 2 millóns de euros en renovar o seu parque móbil, adquirindo 120 vehículos novos a disposición do persoal das Oficinas Agrarias Comarcais ou dos servizos de control da calidade agroalimentaria. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que acompañado do secretario xeral técnico da Consellería, Nicolás Vázquez, fixo entrega destes turismos nun acto en Santiago de Compostela.

Na súa intervención, o titular de Medio Rural falou da necesidade de garantir a seguridade dos traballadores da Consellería que deben desprazarse pola comunidade para levar a cabo as súas tarefas. Referíndose á Consellería do Medio Rural como un departamento moi apegado ao terreo, afirmou que estes novos vehículos tamén fornecerán os servizos de gandaría, explotacións ou infraestruturas agrarias, ademais das xefaturas territoriais e de distintos distritos forestais.

Apuntando á obriga que ten a Administración de optimizar os recursos dispoñibles para realizar o traballo de xeito eficiente nunha comunidade caracterizada pola dispersión poboacional, José González puxo de relevo iniciativas como a Oficina Agraria Móbil, posta en marcha para dar servizo naqueles lugares que non contan con este tipo de instalacións preto.

Nese senso, aludiu tamén ao Plan de reestruturación e optimización da rede de Oficinas Agrarias Comarcais de Galicia, que contará en 2022 cun orzamento de 1,75 millóns de euros. Un plan que quere consolidar estas oficinas para afianzar o contacto directo da Xunta cos agricultores e gandeiros de cada zona, en beneficio do noso rural.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha