Medio Rural organiza catro xornadas formativas sobre o cultivo de grelo en Galicia

A Consellería do Medio Rural organizará catro accións formativas sobre o cultivo de grelo en Galicia. As xornadas Grelo galego, un cultivo con futuro. Tradición, innovación e territorio serán impartidas por expertos en enxeñería agrónoma e veterinaria.

Neste curso farase unha introdución á Indicación Xeográfica Protexida Grelos de Galicia, centrándose nos requisitos de certificación e as vantaxes da marca. Impartiranse tamén técnicas modernas de produción de grelo, así como nocións básicas de manexo integrado para poder identificar pragas e enfermidades que afectan ao grelo.

No eido do procesado, a calidade e a comercialización, a acción formativa afonda nos criterios de conservación e lavado dos grelos. Por último, impartirase unha sesión sobre a recolección mecanizada deste vexetal.

Celebraranse un total de catro edicións deste curso, noutras tantas localizacións, durante as fins de semana de novembro, divididas en dúas sesións. As clases dos venres -en horario de tarde- serán teóricas; mentres que as dos sábados -en horario de mañá- consistirán nunha demostración práctica de campo.

As xornadas formativas terán lugar no Mercado Agrario Comarcal Mesón do Vento de Ordes, os días 7 e 8 de novembro; na Oficina Agraria Comarcal do Rosal, o 14 e o 15; na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, o 21 e o 22; e no Concello de Abadín os día 28 e 29.

As persoas interesadas en inscribirse nesta acción poderán facelo enviando un correo electrónico ao enderezo direccion.agacal@xunta.gal ou no número de teléfono 881 996 280.

Related posts

Os Ratiños de Lonxedetodo volven ás bibliotecas municipais de Zas

Falece unha persoa tras rexistrarse un accidente de tráfico en Lugo e outra atropelada en Noia

Vimianzo acollerá parte da programación de Eco de Sol, entre o 7 e o 30 de novembro