Medio Rural pon en valor en Santa Comba o seu empeño no apoio á actividade agrogandeira

2 minutes read

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou este sábado a Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Samperez, situada no concello de Santa Comba, acompañado pola alcaldesa da localidade, María Josefa Pose. Alí, puxo en valor as axudas resoltas recentemente para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións correspondentes á convocatoria de 2022. Así, aprobáronse un total de 1.004 expedientes, o que supuxo unha achega de 37,5 millóns de euros.

A resolución destas achegas publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) e cómpre lembrar que a convocatoria deste ano permanece aberta para todos aqueles interesados. O orzamento destas axudas para o 2023 elévase ata os 38,8 millóns de euros, dos cales 20,5 millóns son para a liña coñecida como plans de mellora, outros 16,5 millóns para a de incorporación de mozos e 1,9 millóns para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

Precisamente, a explotación láctea que foi obxecto de visita concedéuselle unha subvención de 20.000 euros para incorporación de mozos. Esta orde de axudas -as tres liñas- é unha das máis destacadas da Consellería, tanto polo seu importe como polo número de beneficiarios. Con elas, búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Do mesmo xeito, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego no sector agrario, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no medio rural.

Nesta visita a Santa Comba, o conselleiro puxo en valor estas achegas que, sinalou, “teñen un efecto moi positivo” sobre o agro galego e lembrou que “dende 2016 supuxeron unhas axudas de case 300 millóns de euros”, con especial incidencia no impulso á remuda xeracional nas explotacións da nosa comunidade.