Medio Rural reactiva as notificacións para levar a cabo queimas agrícolas

A Consellería do Medio Rural reactivou este mércores as notificacións para levar a cabo queimas agrícolas por parte de particulares na nosa comunidade, tanto dende a web habilitada como a través do teléfono 012.

Os que soliciten un novo permiso debe efectuarse sempre con dous días de antelación segundo a normativa, poderán levar a cabo a queima a partir dese prazo. 

Como viña sendo habitual, no portal da internet destinado a comunicar as queimas de restos agrícolas amoreados os cidadáns deberán confirmar que se trata dunha “queima correspondente a palla e/ou material natural, agrícola, non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas e/ou gandeiras”. No caso de efectuar o trámite chamando ao 012, deberán dar conta tamén desta circunstancia por teléfono.

A maiores, tamén se retoman as solicitudes de autorización para efectuar queimas de restos forestais amoreados. Neste caso, como vén sendo habitual, cómpre contar con autorización administrativa dado o maior risco da actuación.

Cabe engadir que as comunicacións e autorizacións de queimas a través da web da Consellería do Medio Rural son posibles de acordo co establecido no artigo 34 da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Ademais, en días laborables, tamén está a disposición dos cidadáns o teléfono 012 para comunicar as queimas. Tanto as comunicacións como as autorizacións deixarán de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas.

Related posts

Falece un home no Porriño ao caerlle enrima unha árbore que estaba a cortar

Un morto e un ferido nun choque entre dous vehículos en Taboada

Medio Rural amosa ao sector forestal as súas ferramentas de última xeración para loitar contra o lume