Medio século da Feira do Libro da Coruña


O primeiro tenente de alcaldesa, Juan Ignacio Borrego, inaugurou este domingo a 50 edición da Feira do Libro nun acto en que María Pousa, irmá do xornalista Luis Pousa, leu o pregón no seu nome, e na que se retomarán as presentacións de libros e os contacontos. No acto interveu o presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón M. Rodríguez, e contou coa presenza  das e dos voceiros municipais e representantes das distintas administracións.

Borrego sinalou que os libros volven á rúa para que os gocemos: “Temos dez días por diante para acudir a unha das nosas citas favoritas e estamos moi contentos porque nesta edición retomaremos as presentacións de libros e volveremos ofrecer contacontos para os máis pequenos”. Para o edil, é moi importante que se creen vínculos desde ben cativos coas historias faladas e escritas e por iso, “a dinamización desta feira é clave para tocar a ese público máis miúdo”.

No evento participan 18 librarías e 8 editoriais que desenvolverán máis de cen actividades nas que se seguirán estritas medidas de seguridade.

Serán dez xornadas, nas que se darán cita as voces máis destacadas das nosas letras. Desde os coruñeses Manuel Rivas e Yolanda Castaño ata os pontevedreses Ledicia Costas e Manuel Jabois. O público lector poderá departir con todas e todos eles nun evento no que se seguirán de forma estrita as restricións marcadas polas autoridades sanitarias.