O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte celebra este xoves 14 de maio a súa xornada «Medrando polo mar», un encontro pensado para achegar ao tecido produtivo do territorio as axudas dispoñibles, os proxectos en marcha e as experiencias de éxito que están a transformar o sector pesqueiro en distintos puntos tanto locais como nacionais.
O acto terá lugar a partir das 17:00 horas no Edificio Fórum Carballo (Praza dos Bombeiros Voluntarios, s/n, Carballo) e contará coa presenza da Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia, María de los Ángeles Vázquez Suárez, e do alcalde de Carballo, Daniel Pérez López, que abrirá institucionalmente o acto e poñerá en valor o compromiso do municipio co desenvolvemento económico vinculado ao mar. Tamén participará Evaristo Lareo Viñas, presidente do GALP Costa da Morte.
A xornada articúlase nunha primeira iniciativa de proxectos financiados polo Galp na confraría de Barallobre, seguida de tres bloques temáticos que abranguen desde a ciencia aplicada ao territorio ata a creación de novas experiencias turísticas en torno ao litoral.
O primeiro, dedicado á innovación e a sustentabilidade, contará coa intervención de Julio Valeiras Mota, investigador do Instituto Español de Oceanografía (CSIC), que presentará traballos sobre artes de pesca costeira sostible e seguimento de raias e ouxas, e de Álvaro Roura Labiaga, investigador de Octolarvae, que exporá proxectos de rexeneración de ecosistemas orientados á recuperación do marisqueo.
O segundo bloque céntrase na transformación do produto e o valor engadido. Pilar Otero González, CEO da Fábrica Rosa de los Vientos, falará sobre elaboración artesanal de polbo e cefalópodos, mentres que Elena Vitoria Alonso, CEO de Salmoira, abordará a recuperación de técnicas tradicionais de salazón, afumado e escabeche como estratexia de diferenciación no mercado.
O terceiro e último bloque explora o mar como base de propostas turísticas emerxentes, con Alberto Contreras Illán, CEO de A Toda Vela Cádiz, que presentará o seu modelo de turismo Starlight e experiencias sostibles vinculadas ao territorio costeiro.
Antes dos bloques temáticos, o xerente do GALP Costa da Morte, Guillermo González Diez, presentará as axudas e oportunidades de financiamento dispoñibles para proxectos do sector no territorio, nun espazo pensado para que emprendedores, confrarías, empresas transformadoras e administracións locais coñezan de primeira man os instrumentos ao seu alcance. A xornada rematará cunha degustación e un espazo de networking a partir das 19:40 horas.
Un orzamento para a Costa da Morte que pode cubrir ata o 100% do gasto dos proxectos
As axudas do GALP Costa da Morte son apoios económicos dirixidos a impulsar proxectos no tecido empresarial da Costa da Morte, nos que se creen postos de traballo e poñan en valor o territorio, ademais de fomentar a participación de mulleres e buscar garantir o relevo xeracional no sector pesqueiro.
Entre os obxectivos, tamén figura o fomento da economía azul, o impulso do benestar social e do patrimonio cultural.
Os beneficiarios das axudas poden obter un apoio que vai dende o 35 ao 50% do gasto subvencionable, dependendo da puntuación obtida, ata un máximo de 200.000€, podendo ser incluso chegar ata unha porcentaxe do 100% no caso da pesca artesanal.
O programa de axudas do GALP, dispón de máis de 2,3 millóns de euros para o territorio costeiro dende A Laracha ata Muxía, dispoñible para as vindeiras convocatorias.