- Desenvolveranse actividades nos sete concellos da comarca e tamén a nivel autonómico
O Consello Comarcal do BNG de Bergantiños impulsa a campaña ‘Mellor local, mellor galego’, unha iniciativa que chega aos sete concellos da comarca para que a veciñanza apoie o comercio local ao ser «un sinal de identidade».
Durante as festas de Nadal desenvolveranse accións a pé de rúa ao mesmo tempo que se realizarán varias propostas concretas en toda Galicia como incentivar a compra de produtos locais e galegos -con promoción da etiquetaxe en lingua galega- e a recuperación dos mercados municipais e zonas comerciais tradicionais; promocionar a produción alternativa e ecolóxica así como unha marca de calidade; identificar a orixe dos produtos da horta, pesqueiros e marisqueiros e loitar polos prezos xustos do leite galego.
«É preciso poñer en marcha unha nova Lei do comercio local para regular horarios ou tempadas de rebaixas porque a lexislación do Partido Popular está feita á medida dos grandes», reclamou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. A líder nacionalista tamén sinalou que a pandemia da Covid-19 «deixou ao descuberto a importancia e a necesidade de apostarmos polo comercio local de proximidade».