Serán máis de 119.000 euros os que se invirtan para levar a cabo a mellora da rede de saneamento do polígono industrial de Santa Comba. Este parque, construído no ano 2003, ten unha superficie de 113.454 metros cadrados e conta con 24 empresas.
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro afirmou este mércores que “esta actuación que financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración co Concello de Santa Comba, ten como obxecto levar a cabo a reforma e mellora de capacidade da rede de saneamento que permitirá separar a rede de pluviais e de fecais para evitar o colapso do colector existente e reducir o bombeo á Edar de Santa Comba, xa que esta obra permitirá enviar só as augas fecais co conseguinte aforro económico para o polígono e para o funcionamento habitual da estación depuradora do municipio”.
“Esta actuación permitirá reducir o envío do caudal de augas pluviais para poder asumir un maior caudal de fecais en previsión de novas implantacións de actividades neste polígono”, puntualizou o delegado territorial.