Mellora da seguridade viaria na DP 4604 en Toques

1 minutes read

A Deputación da Coruña sacará proximamente a licitación un proxecto para a mellora da seguridade viaria na DP 4604 ao seu paso pola Zarra, A Barxa e Souto, no Concello de Toques. A actuación foi aprobada no último pleno da corporación provincial que tivo lugar o pasado venres, 31 de xullo.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou a zona hoxe xunto co alcalde do municipio, Miguel Ángel Buján, e constatou a necesidade de «incrementar a seguridade para os peóns nunha zona que conta con edificios a ambas as dúas marxes da estrada e que precisa dunha renovación moi demandada para adaptarse á realidade das persoas que transcorren por ela», indicou.

As obras permitirán construír unha senda peonil de 2 metros na marxe dereita da DP-4604 ao seu paso pola Zarra, A Barxa e Souto. Esta unirase coas beirarrúas existentes en ambos os dous extremos. O camiño contará cun solo de cemento e será accesible para todas as persoas.