Mellora integral dos pantaláns do Freixo, no municipio de Outes


A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, inviste 395.000 euros nunha actuación de mellora integral das instalacións flotantes do peirao do Freixo, no municipio de Outes. Así o confirmou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á zona para comprobar o desenvolvemento dos traballos que se atopan en execución.

A semana pasada deron comezo as obras que consisten na renovación integral dos pantaláns que dan servizo a máis de 350 embarcacións. Neles procederase á renovación dos pavimentos con madeira tecnolóxica. Ademais, renovarase a rede de subministración de auga e electricidade, dotaranse de alumeado e instalarase un sistema de apertura de portas dos pantaláns a través do teléfono móbil.

Os traballos completaranse coa instalación de escadas abatibles de subida aos pantaláns desde o mar; o balizamento dos extremos dos pantaláns, así como o saneado de pilotes e limpeza de flotadores, entre outras reparacións puntuais. Finalmente, instalarase un bolardo para impedir o paso de vehículos á pasarela de madeira.