Mellora o servizo de Atención Cidadá na Coruña cunha nova ambulancia

1 minutes read

A concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montserrat Paz Romero, recibiu a nova ambulancia da área de Seguridade Cidadá. Con ela, o Concello da Coruña mellora o servizo de atención cidadá dispoñendo dun novo vehículo para os servizos de emerxencias e prevención.

A concelleira, acompañada dun grupo de voluntarios e voluntarias de Protección Civil, explicou as melloras que supón a adquisición do vehículo. «Trátase dunha ambulancia máis longa que as ambulancias estándar, o que permite que poida ser certificada como ambulancia básica tipo B, mais tamén tipo C, cumprindo todas as especificidades para ser medicalizada». O vehículo, de marca Renault Master L3 H2, ten unha cilindrada de 2.300 CC e 145 Cv. Está dotada dun sistema de luces perimetrais de emerxencia así como sinalización acústica con función de día e noite, atenuando o son para respectar os decibelios recomendados en materia de saúde pública. Ademáis posúe unha cama con desprazamento lateral, o que garante unha correcta atención do paciente facilitando o acceso desde ambos os lados do vehículo.