Melloras da seguridade e o saneamento nas rúas Cruceiro e Cesareo Pondal, en Laxe


A Deputación da Coruña segue a mellorar infraestruturas e servizos dos concellos da provincia a través do seu Plan Único. Nesta ocasión, o ente provincial realiza a través deste programa unha importante achega de 99.360 euros para permitir que o Concello de Laxe mellore a seguridade viaria nas rúas Cruceiro e Cesareo Pondal, e dote de novo saneamento a esta última. As tarefas están en fase de licitación ata o 8 novembro.
A rúa Cesareo Pondal transcorre paralela á praia, encontrándose no seu percorrido servizos públicos importantes como a Casa do Concello, o centro de saúde municipal, a biblioteca pública, as dependencias da Garda Civil e a Policía Municipal. Trátase, polo tanto, dun lugar moi transitado pola poboación. Co obxectivo de adecuala ás necesidades actuais da cidadanía, acometeranse varias actuacións. Por unha banda, executarase unha nova rede de saneamento con tubaxe de PVC no tramo comprendido entre as rúas José Vidal García e Travesía Atalaya, onde a rede de fecais se atopaba en mal estado, producíndose continuos atascos e algún caso puntual de verquidos esporádicos.

O investimento provincial permitirá dar solución a esta problemática coa instalación dun novo sistema que partirá dun pozo existente próximo á intersección coa rúa José Vidal García e que se enlazará co que está preto do cruzamento coa Travesía Atalaya. O servizo instalarase en paralelo ao existente, que se eliminará unha vez funcionen as novas instalacións, que dispoñerán de sete novos pozos. O carril no que se executará esta medida será reposto.

Ademais, co obxectivo de reducir a velocidade dos vehículos na rúa Cesareo Pondal, crearanse dous pasos de peóns elevados, un próximo á intersección coa vía José Vidal García e outro diante do centro de saúde. Deste xeito, búscase mellorar a seguridade dos peóns e peoas que discorran pola zona. Tamén se proxectará outro paso de peóns

no cruzamento coa rúa Atalaya. Dentro das medidas de seguridade viaria na contorna, reporase un tramo de firme de 50 metros cadrados nun dos laterais do centro de saúde, que na actualidade está deteriorado.
No tocante á rúa Couceiro, que comunica a estrada AC-429 coa AC-433, mellorarase o firme de 260 metros de vía a través dunha capa de MBC para incrementar a seguridade do espazo. Así mesmo, colocaranse a cota os doce sumidoiros e as catorce tapas de rexistro existentes e pintarase nova sinalización.

O prazo de execución estimado para levar a cabo esta iniciativa é de dous meses.