- O Concello inviste 15.000 euros na nova drenaxe transversal, pavimentación e ampliación da calzada
O proxecto de reparación e mellora da vía que comunica a estrada DP-2404 desde O Formigueiro ata Quintáns (parroquia de Vilaño) continúa sen incidencias. O Concello de A Laracha financia con 15.000 euros de fondos propios estas intervencións, que consisten na reparación da drenaxe transversal do camiño, a pavimentación do sector afectado e ampliación da calzada.
Esta vía permanece pechada ao tráfico desde o pasado mes de xaneiro, cando a acumulación de auga causada polos temporais provocou danos na estrutura á altura do coñecido como Rego das Vixías. Durante a execución dos traballos, o tráfico continuarase desviando polo núcleo de A Ribela.
Debido ao emprazamento das obras a realizar, foi preceptiva a autorización de Augas de Galicia para levalas a cabo, documento que foi remitido ao Concello nesta semana.