- O proxecto está valorado en preto de 40.000 euros e finánciase integramente con fondos municipais
O Concello da Laracha ten en fase de execución un amplo proxecto dirixido a mellorar a rede principal de distribución de auga que dá subministro ao núcleo urbano da vila e tamén a outras poboacións próximas. A intervención afecta a un tramo duns trescentos metros de lonxitude a ambas marxes da Avenida Fisterra, desde o seu punto de confluencia coa rúa Santiago e ata o lugar das Torres de Cillobre.
O proxecto, valorado en preto de 40.000 euros e financiado integramente con fondos municipais, presenta actuacións diferenciadas. Por unha banda estanse renovando as canalizacións da rede do servizo de abastecemento para aumentar o caudal «pensando nas necesidades que poidan presentarse no futuro», sinalan desde a Administración local; mentres que, por outro lado, se están levando a cabo as catro conexións de rede actualmente en servizo coa futura, así como das correspondentes conexións aos novos tramos das acometidas nas vivendas da zona.
Con motivo destas obras foi preciso cortar puntualmente o subministro en determinados puntos, realizándose esa fase dos traballos durante a noite «co propósito de minimizar a afección para as vivendas». No caso de requirirse novos cortes para a execución das actuacións previstas, tamén se levarían a cabo en horario nocturno.