Melloras técnicas e tecnolóxicas no Castelo de Vimianzo

2 minutes read

Xa está en marcha a segunda fase de renovación da instalación eléctrica do Castelo de Vimianzo, cuxo proxecto contará cun orzamento de 72.354,24 euros, aportados integramente polo departamento de Patrimonio da Deputación da Coruña.

O proxecto permitirá realizar accións de mellora no sistema de datos, son (megafonía/ambiente nas estancias interiores e son para eventos no patio interior), intrusión e protección contra raios e incendios. Previamente, realizáronse unha serie de actuacións mínimas que permitían mellorar  a mesma sen despregar novas canalizacións. Estes traballos complementaranse cos anteriores buscando a homoxeneidade da instalación completa.

Por ser o inmoble un Ben de Interese Cultural (BIC), e buscando unha actualización e adaptación dos servizos existentes os requirimentos e esixencias da normativa vixente sen acometer obra civil, engadíndose as novidades tratando de actuar minimamente sobre a estrutura e unidades murarias do Castelo realizando a maior parte das instalacións en superficie ou ocultando as mesmas a través do mobiliario. Tamén se minimizarán os riscos buscando garantir a mínima afección ao inmoble en caso de incendio ou tormenta.

Mellorarase a calidade lumínica no interior, debido a que traballan artesáns e artesás desenvolvendo os seus produtos de xeito manual e se require un alto nivel de detalle; tamén é imprescindible dispoñer de acceso a Internet para mellorar os servizos dispoñibles para artesáns e artesás e para posibilitar a instalación futura de elementos interactivos nas zonas de exposición; a xestión de actividades do Castelo van desde a celebración de cerimonias, concertos, desfiles… e como non, o Asalto ao Castelo, e como escenario de múltiples e variadas citas débese contar cunha instalación permanente.

As infraestruturas de canalizacións actuais presentes no Castelo non permiten o despregamento de todos estes novos elementos, polo que se propoñen actuacións para ampliar as mesmas, respectando a estrutura formal e tipolóxica do castelo e realizando a maior parte de intervencións en superficie.