Membros do BNG reúnense co empresariado do Polígono de Bértoa


  • O deputado nacionalista Daniel Pérez canalizará as súas demandas no Parlamento de Galiza.

A xunta directiva da Asociación de Empresarios do Polígono de Bértoa participou nunha xuntanza co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o deputado do BNG no Parlamento de Galiza Daniel Pérez. “Do que se tratá é de ir pulsando as necesidades estratéxicas da comarca e de Carballo, e nós pensamos que unha necesidade obxectiva, e mesmo de urxencia, son temas vinculados ao polígono industrial: ampliación, circunvalación e servizos como a fibra óptica ou o gas”, explicou Evencio Ferrero, quen afirmou que “como carballés, sentirse decepcionado”, con respecto ás sucesivas demoras por parte da Xunta de dous proxectos estratéxicos para o concello como a ampliación do polígono e a circunvalación. “As cuestións estratéxicas teñen que estar por riba dos gobernos”, manifestou o Alcalde.

O deputado, Daniel Pérez, sinalou que as demandas do BNG son plenamente coincidentes coas do empresariado, e nese sentido, púxose a disposición da Asociación de Empresarios do Polígono para canalizar estas e outras cuestións a través das iniciativas que sexan precisas no Parlamento de Galiza. “Para nós sinalou Daniel Pérez está clarísimo que a solución a estas demandas, algunha delas histórica, é unha cuestión de vontade política”. Ademais engadiu que un voto en contra do PP á ampliación do polígono ou á axilización da variante “non se entendería”.

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, afirmou que o parque empresarial de Bértoa está abandonado pola Xunta de Galiza, e aínda hoxe carece de redes de fibra óptica ou gas. “Non se entende que no século XXI esteamos falando de fibra ou de gas”, manifestou Regueira, para o que está clarísimo que o polígono de Carballo “é competitivo grazas ao empresariado, non pola axuda da Xunta”.