O alcalde, Evencio Ferrero, acompañado pola concelleira Milagros Lantes e polos concelleiros Juan Seoane e Marcos Trigo, recibiu na Alcaldía a David Santomil, responsable das áreas de Educación, Patrimonio Histórico e Axenda Urbana, e a Escarlata Pampín, que xestiona Mocidade e Normalización Lingüística.
Ao longo da xuntanza, que se prolongou durante máis dunha hora, abordáronse cuestións moi diversas e compartiuse información relacionada coas diferentes áreas de xestión municipal, pero incidiuse especialmente en dous aspectos.
Por unha banda, responsables municipais de Carballo e Ames puxeron en común a necesidade de avanzar nas estratexias que permitan acceder nas mellores condicións posibles aos fondos europeos.
Por outra, os representantes do goberno municipal de Ames amosaron moito interese en coñecer a experiencia formativa impulsada dende o Concello de Carballo nas instalacións do Fórum dada a necesidade de ofrecer á mocidade, fundamentalmente, distintas alternativas de formación de cara a acadar a inserción laboral.