Membros do goberno local do Rosal visitan Carballo interesados en diferentes iniciativas locais

1 minutes read
  • Entre algúns dos asuntos tratados figuraban os contratos reservados para centros especiais de emprego ou proxectos de arte urbana

Este mércores unha ampla representación do goberno local de O Rosal visitou Carballo para interesarse por varias iniciativas municipais, ao igual que fixeron no seu momento Cedeira, Ponteareas ou Tomiño. A alcaldesa do concello pontevedrés, Ánxela Fernández Callís, e o seu equipo foron recibidos polo seu homólogo Evencio Ferrero e outros membros do executivo carballés.

Na axenda do goberno municipal do Rosal figuraban como principais asuntos os contratos reservados para centros especiais de emprego; os proxectos de arte urbana; iniciativas pioneiras como o Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay e tamén o proceso de transformación do espazo público mediante actuacións reurbanizadoras e de recuperación da rúa para a veciñanza. Este último moi relacionado co congreso de Cidades que Camiñan que se celebrou en Carballo a semana pasada.

Despois da recepción na Alcaldía, os representantes de ámbolos concellos celebraron no salón de plenos unha xuntanza de traballo que se prolongou durante case tres horas.