O pavillón Vila de Noia acollerá este venres 6 de decembro, entre as 10 e as 20 horas, o IV Memorial Loli Varela, que organizan Carballo Deporte, Concello de Carballo, Centro Plurilingüe Artai e Club Baloncesto Artai, en colaboración coa Escola Básket Xiria, Escolas de Balonmán Xiria, Un Paso Máis, ACB Costa da Morte, CB Arteixo, Deputación da Coruña, Deporte Galego, Gadis, Conservas Calvo e a Federación Galega de Baloncesto, que este ano decidiu incluír o evento no seu calendario de actividades.
Por cuarto ano consecutivo Carballo celebrará unha merecida homenaxe a quen foi unha das figuras máis destacadas do tecido asociativo e deportivo do concello, implicada na creación e pulo da sección de balonmán de Xiria e do Club Baloncesto Artai, así coma na fundación de Un Paso Máis, entre outras iniciativas.
O venres o deporte carballés lembrará tamén a Fidel Nión, falecido en 2018, parella de Loli Varela e impulsor das dúas primeiras edicións do Memorial.