- A presentación desta plataforma de venda online celebrouse este luns na Mostra do Encaixe
Dentro das actividades da XXX Mostra do Encaixe, este luns celebrouse a presentación do proxecto MerCamariñas, a plataforma coa que o Concello busca apoiar aos establecementos e negocios do municipio na crise da covid-19. Definida como o «Amazon» de Camariñas, mostrouse ao público da man das concelleiras de Comercio e Encaixe, Lara Pasantes e Encarna Liñeiro, así como do representante da compañía WP Nordés, Diego Alonso. Ao longo da mesma realizouse unha pequena demostración para explicar o seu funcionamento.
MerCamariñas pretende «promover o comercio local e apoiar aos negocios que forman parte do tecido económico do concello, sobre todo na crise sanitaria actual», sinalou Lara Pasantes. Polo momento a canle conta cunha trintena de establecementos adheridos pero as compañías ou firmas que desexen unirse poden facelo de xeito gratuito. Co fin de facilitar a usabilidade por parte da veciñanza, o espazo dispón dun buscador no que o usuario poderá escribir directamente o produto que precisa e, a maiores, a web tamén conta cunha sección de tendas e con outra de produtos.
Equipamento do Mostra do Encaixe Balonmán Camariñas
O deporte tamén forma parte do ADN camariñán, por este motivo a programación do evento incluíu un desfile a cargo dos membros do equipo Mostra do Encaixe Balonmán de Camariñas. Decenas de rapaces e rapazas das diferentes categorías do club modelaron pola pasarela lucindo os seus novos traxes para a tempada 2021/2022. No remate da presentación tomaron parte o concelleiro de Deportes, Fabián Canosa, e o presidente do Club, Andrés Cerdeiras.
