MerCamariñas, unha central de venta online para o comercio local

1 minutes read
  • Os establecementos que se adhiran disporán dun espazo propio e gratuíto dentro da web para poder vender e xestionar os seus produtos

O Concello de Camariñas lanzará proximamente ‘MerCamariñas’, unha central de venta online para os establecementos do municipio que nace co obxectivo de adaptalos ao comercio electrónico para que poidan vender os seus produtos a través de Internet. A concelleira de Comercio, Lara Pasantes, explicou que a idea de sacar adiante esta iniciativa xorde ante “a terrible competencia que ten o comercio de proximidade por parte das grandes superficies e cremos que esta é unha forma de axudalos a paliar esa desvantaxe existente na venda online”.

Para poder levar a cabo estas tarefas, o Concello de Camariñas proporcionará unha formación previa aos responsables de cada establecemento. Será a través de sesións prácticas nas que se tratarán temas como a fotografía de produto de calidade mediante smartphone, xestión da tenda virtual ou como escribir para estimular ao cliente a comprar.

Adherirse a esta campaña é totalmente gratuíto e aqueles negocios que o fagan contarán cun espazo propio na web para xestionar os seus produtos. O portal estará baixo o mando técnico da empresa local WP Nordés.

En canto a situación sanitaria o permita, o goberno local ten previsto organizar unha reunión á que estará convocada todo o tecido comercial para así poder explicarlles o proxecto en persoa e coñecer a aqueles que estarían interesados en formar parte. O plan de acción do proxecto define que, nun primeiro momento, crearase unha quenda de 10 comercios participantes seleccionados mediante sorteo de entre todos os establecementos, os cales recibirán as sesións durante cinco días.