O Concello de Camariñas puxo en marcha a plataforma ‘MerCamariñas’, unha central de venta en liña para os establecementos do municipio. Esta iniciativa nace co obxectivo de adaptar aos vendedores e vendedoras ao comercio electrónico para que poidan vender os seus produtos a través de Internet. Adherirse a esta campaña é totalmente gratis e o goberno local anuncia que se ampliará este plan abrindo a posibilidade de participación para os locais de hostalaría. O portal está xestionado tecnicamente pola empresa local WP Nordés e os comerciantes só se teñen que encargar dos produtos que poñan á venta e de promocionar o seu espazo virtual a través das redes sociais. Para poder levar a cabo estas tarefas o Concello de Camariñas proporcionou unha formación previa aos responsables de cada establecemento. Faise a través de sesións prácticas nas que se tratan temas como: a fotografía de produto de calidade mediante smartphone, edición fotográfica fácil, xestión da tenda virtual, como escribir para que Google coloque á tenda nos resultados de busca ou para estimular ao cliente a comprar e, ademais, tamén se asesora na creación e xestión das redes sociais do negocio. A promoción da iniciativa continúa con gran éxito coa emisión dun vídeo nas redes sociais.