Mercar no comercio local da Laracha ten premio

Os trinta e seis establecementos laracheses adheridos ao programa Agasalla comercio local, ten premio comezaron este luns a repartir os rasca e gaña entre os seus clientes por cada dez euros de compra. O Concello puxo á súa disposición un total de 10.000 tarxetas, das cales 1.000 teñen un premio directo de dez euros para empregar en calquera dos establecementos e servizos adheridos a modo de desconto en compras mínimas de 20 euros a realizar como data límite o 23 de decembro.

As outras 9.000 tarxetas non premiadas teñen unha segunda oportunidade. Depositándoas cos datos persoais nas urnas que están habilitadas nas tres bibliotecas municipais (A Laracha. Paiosaco e Caión) ata o 27 de decembro optarán a tres agasallos: un cofre regalo cunha experiencia turística, unha consola PlayStation 5 e un xamón ibérico. O sorteo farase o día seguinte, 28 de decembro.

Na web www.nadal.alaracha.gal pode consultarse a listaxe completa dos locais e negocios participantes e ampliar información sobre esta iniciativa. O Concello inviste en Agasalla comercio local, ten premio máis de 11.000 euros co triplo obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a importancia de facer as compras no comercio de proximidade como principal motor do desenvolvemento local e de creación de emprego no termo municipal, atraer e fidelizar á clientela por medio dos vales que revertan no consumo dos propios establecementos adheridos e subvencionar as compras dos cidadáns nas datas previas ás festas do Nadal.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha