O grupo de goberno de Muxía iniciou unha mesa de traballo xunto a deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, para tratar a mellora e construción de dúas estradas no termo municipal.
O alcalde de Muxía, Iago Toba, acudiu á Deputación da Coruña acompañado do concelleiro de Obras, Javier Romar e da tenente de alcalde, Olalla Benlloch, para acordar o estudo do acondicionamento da vía de Salgueiros a Caberta, que une o municipio con Dumbría, así como o proxecto de construción da estrada de Lourido a O Seixo.
Nesta esta primeira reunión, ademais da deputada provincial, estaba presente o técnico responsable do departamento e acordaron manter este tipo de reunión de xeito periódico para seguir avanzando nestes proxectos e en futuros plans de obras.
Tras a xuntanza, Toba quixo agradecer a “predisposición e o compromiso constante que ten a deputada Mónica Rodríguez co municipio” e destacou que “a nosa idea de goberno é a de continuar mellorando as infraestruturas de Muxía e seguir traballando en coordinación con todas as administracións posibles”.
“Con estas novas actuacións poñemos solución a dúas demandas da nosa rede viaria e continuamos na nosa liña de traballar en positivo, buscando novos acordos e mellorando a calidade de vida da nosa veciñanza”, concluíu o rexedor.