Mesía contará cun xardín sensorial e un bosque comestible

A Xunta de Galicia promove tarefas de conservación do enclave natural a través do campo de voluntariado Arboretum con actividades como a plantación dun xardín sensorial ou dun bosque comestible. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, achegouse ata Mesía para coñecer os mozos responsables destes traballos, de entre 18 e 30 anos e procedentes de diferentes comunidades españolas así como de Italia, Francia e México.

En concreto, estes 14 voluntarios encárganse de crear un xardín que estimule por unha banda o olfacto, con plantas e herbas aromáticas, e pola outra o oído e o tacto, dado que este xardín se debe percorrer cos pés descalzos. Ademais, plantarán un bosque comestible e construirán hoteis de insectos, niños para aves e casas para morcegos. Á marxe destas tarefas, aproveitarán para visitar lugares próximos como Santiago de Compostela, Lugo, Corrubedo ou o Castro de Baroña, e para realizar obradoiros de cestería e queixo ou foliadas. O programa culminará este sábado cunha visita guiada ao resultado do seu esforzo dirixida aos veciños da localidade.

Durante a visita, a directora xeral destacou o gran valor do voluntariado para preservar, ampliar e mellorar importantes zonas naturais da nosa comunidade. Neste sentido, asegurou que estas actividades reforzan entre os mozos competencias fundamentais para o seu desenvolvemento, como a sensibilización sobre o medio natural, e lles permiten relacionarse e facer novas amizades.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha