Todos os centros educativos públicos de Galicia terán acceso o vindeiro curso de forma gratuíta á plataforma Office 365 de Microsoft, que inclúe a ferramenta de colaboración Microsoft Teams. Máis de 280.000 alumnos e máis de 28.000 docentes poderán aproveitar os recursos da plataforma, que estará dispoñible en galego e castelán, grazas a un acordo entre a Xunta e Microsoft.
Esta plataforma educativa na nube proporciona unha contorna de aprendizaxe segura e innovadora e dota aos alumnos de habilidades dixitais, como a colaboración, creatividade e o pensamento computacional, claves para facer fronte aos requirimentos laborais propios da era dixital.
O acordo de colaboración foi rubricado este luns en Santiago, pola conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; e a presidenta de Microsoft España, Pilar López.
A Xunta e Microsoft tamén colaborarán para completar a formación nos ciclos de Formación Profesional da familia de Informática e Comunicacións, poñendo ao dispor dos 27 centros públicos nos que se imparten estes ciclos, plataformas e ferramentas de Microsoft que permitirán a máis de 3.000 alumnos traballar con programas e aplicacións presentes no mercado e demandados no sector profesional
Adicionalmente, como medida de acompañamento, os máis de 360 profesores destes ciclos de FP recibirán formación especializada, impartida por profesionais de Microsoft en colaboración con partners do ecosistema dixital galego.