Miguel Corgos acompaña ao alumnado de Carballo nunha videoconferencia con Laponia

1 minutes read

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, acompañou este xoves ao alumnado do CEIP Fogar e do Centro de Educación Especial Lenda Educativa de Carballo nunha videoconferencia con Laponia. Esta actividade do Nadal forma parte das tradicionais conexións coa rexión finlandesa que, entre os días 9 e 18 de decembro, realiza a Xunta. Este ano, foron preto de 900 nenos e nenas de 18 concellos os que participaron nesta iniciativa e tiveron a posibilidade de falar con Papá Noel, poucos días antes da Noiteboa.

Con este tipo de experiencias, a Rede CeMIT da Xunta busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro para os residentes dos municipios galegos, así como dar a coñecer todas as posibilidades tecnolóxicas que ofrecen estes espazos impulsados polo Goberno galego.