O cociñeiro Miguel Giaquinto, da trattoria-pizzería Vesubio de Carballo, foi o encargado este venres de abrir o programa de showcookings cos que a Deputación da Coruña está a promocionar a gastronomía da provincia na Feira «Expovacaciones». Un ano máis, a área de Turismo, acode a esta cita internacional que se celebra en Bilbao para dar a coñecer destinos e recursos turísticos ante público especializado.
«Trátase dunha fusión moi interesante» asegura o tamén carballés Xosé Regueira, vicepresidente e deputado de Turismo, «que combina unha cociña de concepto italiano co produto de proximidade, e que encaixa perfectamente na filosofía da promoción da campaña ‘A provincia que sabe’ baseada, precisamente, en parámetros de sustentabilidade e compromiso co territorio».
Miguel Giaquinto elaborou para o público de Expovacaciones unha receita de rissotto en dous tempos con boletus da comarca de Bergantiños e un prato de pasta della Galizia con grelos e polbo.