Miguel Mosteiro pechou os showcookings da Deputación da Coruña en Bilbao

1 minutes read

O cociñeiro Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa de Boiro, foi o encargado de poñerlle o broche final ao programa de showcookins co que a Deputación da Coruña está participando na Feira de tendencias turísticas “Expovacaciones”. Unha serie de demostracións de cociña en directo que se levan realizando durante a fin de semana no stand da Deputación na Feira de Bilbao e que, seguindo na liña dos últimos anos, está concentrando unha gran cantidade de público interesada pola gastronomía da provincia.

Convén lembrar que na primeira xornada de feira fora o cociñeiro Miguel Giaquinto, da trattoria-pizzería Vesubio de Carballo, o encargado de dar a coñecer o produto culinario da Costa da Morte; mentres que na segunda o protagonismo fora para Antonio Amenedo, do Pazo Santa Cruz de Mondoi en Oza-Cesuras, quen foi encargado de poñer en valor a gastronomía e o produto culinario da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Cada cociñeiro realizou dúas sesións de cociña en directo, unha ao mediodía e outra pola tarde, nas que ademais de promocionar a gastronomía, tamén dan a coñecer outros recursos das súas respectivas comarcas.