Miguel Varela, elixido pola militancia para liderar o retorno do BNG ao goberno municipal de Malpica

2 minutes read

Miguel Varela Varela será o candidato do BNG á alcaldía de Malpica. A militancia vén de amosarlle o seu apoio incondicional para liderar o retorno da formación nacionalista ao goberno municipal, un obxectivo no que agarda implicar ao conxunto da sociedade malpicá. Con esa intención, Miguel Varela está a traballar na composición dun equipo de traballo renovado, no que todos os sectores e todas as parroquias teñan representación e no que se escoite a voz da xente nova.

Miguel Varela entrou a formar parte do goberno malpicán o 19 de outubro do 2020 como portavoz do BNG e asumindo as competencias de goberno nas áreas de Deporte, Mocidade e Novas tecnoloxías. Aínda que a súa experiencia de goberno durou menos dun ano, porque o 3 de setembro do 2021 prosperou a moción de censura asinada polo PP e o independente Alfredo Cañizo, o paso de Miguel Varela e do BNG polo goberno municipal de Malpica deixou a súa pegada, traballando pola diversificación da oferta cultural e deportiva e pola extensión e a modernización dos servizos básicos para facelos máis eficientes e sustentables.

O BNG considera que a mellora da xestión dos servizos públicos debe ser unha prioridade para os vindeiros anos, e, nese sentido, Miguel Varela márcase de partida tres obxectivos básicos: “o primeiro, a mellora da xestión do abastecemento, de xeito que ante un problema como o que vén de producirse, poidamos dar unha resposta inmediata. Non podemos esquecer que, despois de dous meses, aínda hai catro parroquias sen subministro de auga da traída e non se intúe unha solución a curto prazo. O segundo, a aposta por un alumeado eficiente, implantando a tecnoloxía led en todo o tendido e tamén nos edificios públicos. Segundo os datos que se coñecen, Malpica é o concello coa factura da luz máis alta de toda a Costa da Morte. E o terceiro, pero non menos importante, a extensión do saneamento a todo o territorio”.