Milagre apostólico do Obradoiro en forma de remontada


Vitoria in extremis do Obradoiro ante o Baxi Manresa por 90 a 87, en partido disputado o pasado sábado ás 18 horas nun Multiusos Fontes do Sar sen público. Premio á fe para un conxunto santiagués que non cedeu nunca na insistencia de seguir no partido, a pesar de que este se puxo moi costa arriba, sobre todo na primeira parte, que concluíu con dez puntos de diferenza a favor do conxunto catalán e onde precisamente esa diferenza, era a única boa noticia para Obradoiro.

As estatísticas visitantes eran demoledoras, especialmente nos dous primeiros actos. O partido concluíu con 16/32 en triplos visitantes por 5/19 locais, 32 rebotes por 29, dos cales 17 foron ofensivos, por tan só 8 de Obradoiro e 12 asistencias por 11. Igualábase a estatística en perdas con 8, aínda que os visitantes roubaban 5 balóns por 3 os locais.

Onde gañou Obradoiro claramente foi na visita á liña de tiros libres, alí os de Santiago anotaron 21/23 por 5/8 manresanos, así como no lanzamento de 2 puntos, con 10 canastras máis. Isto, unido a un último cuarto de cinema, permitiron que a balanza se decantase finalmente para os de Santiago, quen conseguía a súa novena vitoria.

Arrincaba o partido cun Manresa en modo apisoadora. 2-8 para comezar o encontro. Janning (15 puntos con 5/9 en triplos, 6 rebotes, 1 asistencia e 12 de valoración) en 31 segundos endosaba un parcial de 0-6. Simulacro de reacción obradoirista cun 4-0 de parcial, para volver despegarse Manresa cun perigoso 6-18. Co sexto triplo rojillo, obra de Mason, os visitantes colocábanse con 12-26 no minuto 8, con risco de tombar na lona aos de Moncho Fernández. Parcial de 7-2 con mate espectacular tras penetración de Robertson (23 puntos, 1rebote, 3 asistencias e 14 de valoración), deixando as cousas en 19-28 para pechar o cuarto. Mal resultado, pero vendo as espectaculares porcentaxes de lanzamento dos colorados, cabía o oco da esperanza.

O segundo cuarto continuou coa mesma liña, un Obradoiro esvaecido en defensa e un Manresa acertado en ataque. Chegábanse ás máximas vantaxes con 2 triplos consecutivos de Ferrari (26 puntos con 6/10 en triplos, 1 rebote, 2 asistencias e 21 de valoración). Primeiro poñía o 27-40, para instantes despois cravar o segundo tras canastra local e aumentar aínda máis a diferenza, 29-43 no minuto 15 e +14 para os de Pedro Martínez. De aí ao final, Manresa foi controlando a diferenza que non baixaba de 10 puntos, mercé ao impresionante acerto e porcentaxe desde a liña de 3 con 11 de 13. Chegabamos ao ecuador do encontro con 39-49 e ambos os conxuntos ao túnel de vestiarios.

Na segunda parte e pese ao resultado adverso, Moncho Fernández seguiu apostando por defensa zonal, aínda que axustando a intensidade. E saíulle ben, limando a vantaxe ata os 6 puntos con dominio na pintura, posto que os triplos seguían facendo auga no aro rojillo cun paupérrimo 0/8. No minuto 26 Obradoiro conseguía empatar o encontro, 57-57 ben dirixidos por Ozmizrak (anotou o primeiro triplo local no minuto26, xusto antes de que Enoch empatase) e con Birutis (11 puntos, 5 rebotes e 17 de valoración) e o mvp do encontro, Cohen (16 puntos, 3 rebotes, 6 asistencias, para asinar 28 unidades de valoración), en plan estelar. Con todo, os cataláns aguantaban o tipo, e outra vez os triplos de Janning e as canastras de Mason poñían o electrónico en 63-73 para pechar o terceiro acto. Novamente 10 puntos de renda e a sensación local de non conseguir nada, tras o notable esforzo.

A pesar de que a vida seguía igual, Obradoiro seguiu porfiando e cun sensacional 11-0 de parcial inauguraba o último cuarto e conseguía poñerse por diante no marcador a 7 minutos para finalizar, 74-73. Era o momento de Czerapowicz (12 puntos, 4 rebotes e 11 de valoración) quen avivou o avispeiro da remontada. Pero de novo Manresa reaccionaba. Da man do máximo anotador Ferrari e Eatherton (11 puntos, 6 rebotes, 1 asistencia e 15 de valoración) parecía que poñían terra polo medio e de forma definitiva, 76-82 no minuto 36. Renda de 6 puntos que podía ser manexada polos de Pedro Martínez, máxime cando novamente Ferrari consolidábaa a 2 minutos do final cun novo triplo e 81-87. Pero non foi así, enésimo salto de fe dos da terra do Apóstolo e obrouse o milagre, encarnado en Cohen e Robertson cuns instantes finais soberbios con oito puntos tras senllos triplos e dous tiros libres a maiores para o canadense. Adiantaba o Obra a Manresa, 89-87 e o balón era para os rojillos. Penetración forzada de Mason para empatar, moi ben taponada por Daum a 22 segundos, quen se resarcía do “minuto horribilis” de Fuenlabrada. O balón chegáballe a Robertson, agora a 19 segundos, recibindo falta e facéndose moito dano no cuádriceps. Aínda así, anotou un tiro libre dos 2 poñendo 3 de diferenza, culminando o parcial de 9-0 local e deixando o veredicto final para unha última xogada visitante. Lanzamento triplo arriscado de Mason que fallaba claramente. Rebote ofensivo e novo fallo baixo o aro con novo rebote ofensivo, esta vez conseguindo dobrar o balón para Ferrari, que lanzou de tres errando, con resbalón de Czerapowicz e perdida de zapatilla incluída, o que lle impediu chegar a puntear o tiro. Xa fóra de tempo, o balón insistía en seguir sendo manresano. Terceiro intento de 3 seguido errado, pero co luminoso sinalando o final.

Vitoria balsámica do Obradoiro que toma aire, sobre todo despois do accidente en Fuenlabrada. A pesar diso, os equipos de abaixo seguen apertando e aínda queda moito por remar. De todas as maneiras, a vitoria antóllase fundamental para recuperar sensacións e demostrar a fe inquebrantable deste grupo, nun partido que moitos intuían perdido. Moitos, excepto o equipo, quen insistindo na pelexa, acabou levando o premio gordo.

Próxima estación, Valencia, equipo con rango de Euroliga, o venres 16 de abril ás 21:15 horas no pavillón Fonteta de San Lluís da capital do Turia.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO